O Xardín Botánico do Burgo aumenta as prestacións aos usuarios. A elevada actividade cultural e educativa que acolle a instalación, que alberga ademais a aula de Natureza "Juan Lembeye", levou ao goberno de Culleredo a tomar a decisión de crear un aparcadoiro específico para a dependencia.
Ata agora, os veciños que acudían ao Xardín Botánico contaban cun pequeno aparcadoiro en liña diante da entrada, xunto á parada de autobús. Era necesario deixar o coche na urbanización da Cros para contar con máis sitios.
Dado que son moitos os veciños que acoden a diario a esta instalación, para facilitar o acceso, e paliar unha das necesidades detectadas polos servizos municipais, o Concello de Culleredo crea xunto á instalación un espazo para o aparcadoiro que poderá acoller uns 30 vehículos.
As obras xa finalizaron practicamente e o espazo está xa dispoñible para a súa utilización inminente. O Concello destinou un investimento de 40.000 euros a esta ampliación.
O goberno municipal entende que se mellorará substancialmente un servizo ao veciño e se cobre unha necesidade, respondendo a unha petición veciñal. O equipo de goberno aposta por reforzar a programación de actos e actividades culturais, así como de educación ambiental, e por iso optou por dedicar esforzo investidor á mellora desta infraestrutura.
O Xardín Botánico é o principal centro de exposicións, albergando practicamente una cada mes, e doutros eventos como concertos (BurgoJazz) ou actividades de corte didáctico aproveitando a aula de Natureza e a riqueza dos propios xardíns. Tamén acolle a actividade de diferentes asociacións do municipio.
Nova exposición esta semana
O Concello de Culleredo clausurou o sábado a exposición que acolleu nas últimas semanas a aula de Natureza. Tratouse da mostra "O espazo máxico. Buxainas e libros para nenos", que ofreceu unha antoloxía de libros da mellor literatura infantil, unha selección de ilustracións realizadas polos mellores ilustradores actuais que recrean e interpretan textos literarios, de todas as épocas, onde aparecen citadas as buxainase unha colección de buxainas de todos os continentes.
O Concello levou á actividade a 1.300 escolares do municipio, que gozaron de talleres de manualidades e de literatura.
Pero a aula de Natureza non cesa na súa continua programación. O vindeiro venres, 15 de novembro, o Concello estrea nova mostra no espazo do Burgo. Ese día inaugurarase a exposición de pintura "A frescura dá transparencia", do artista Juan Carlos Soto.
Poderase visitar ata o 10 de decembro en horario de luns a sábados de 18.00 a 21.00 horas, e os sábados tamén pola mañá en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER