O Concello de Culleredo introduciu este ano unha compoñente solidaria á súa programación do Nadal. Para contribuír coas familias con maior necesidade do municipio, o goberno local, a través dos seus diferentes departamentos, propuxo aos veciños e participantes nos actos a achega de alimentos non perecedoiros.
A acción está a lograr a resposta do público. A día de hoxe, o Concello de Culleredo calcula que son máis de 1.000 os quilos recadados, a falta de contabilizar os recibidos nestes últimos días das festas.
Para lograr esta importante cifra, o Concello programou diferentes iniciativas solidarias. Por unha banda, a Oficina Municipal de Voluntariado levou a cabo unha campaña de recollida de alimentos nas dependencias municipais. Por outra banda, a programación cultural e deportiva do Concello animou aos veciños a acudir cun alimento como entrada simbólica ás actividades.
Os asistentes responderon activamente a este chamamento, e en actividades como as obras de teatro ou o torneo de fútbol sala MUDEGA recadáronse boas cantidades de alimentos non perecedoiros.
Tamén o campus de patinaxe artística que organizou o Club Aura en colaboración co Concello organizou "un almorzo solidario sobre rodas". Os máis de medio centenar de participantes achegaron produtos, como o leite, o cacao ou as galletas, algúns dos máis necesarios para as familias sen recursos.
Todas estas achegas destináronse ao Fondo Municipal de Alimentos, recentemente creado co obxecto de reforzar a distribución dos produtos ás familias máis vulnerables e con maior necesidade. O Fondo acollerá os alimentos recibidos para posteriormente canalizalos ás familias sen recursos.
A distribución realizarase tras o informe preceptivo dos Servizos Sociais para determinar os beneficiarios con necesidade da comida.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER