O Concello de Culleredo quere mostrar a súa "seria e profunda preocupación" pola falta de noticias da Xunta de Galicia achega do futuro instituto de Educación Secundaria para o municipio, unha petición reiterada polo goberno local e a comunidade educativa desde hai moitos anos.
Nas últimas datas, aínda co atraso xa acumulado, parecía que a Xunta estaba a dar pasos para que o centro de ensino fose unha realidade próxima. Pero a carencia total de novidades fai temer por unha nova demora, que para o Concello de Culleredo sería "totalmente inadmisible".
O pasado mes de outubro, o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e a concelleira de Educación, Carmen Varela, mantiveron unha reunión coa Consellería de Educación. Nela, os seus representantes informaron de que o proxecto de construción do novo instituto xa estaba completado, pasando á fase de supervisión, antes dunha licitación que se produciría proximamente, no principio do ano, antes de marzo.
Os orzamentos da Xunta para 2014 incluíron a consignación económica, polo que parecía que todo se cumpría para proceder a contratación da obra. A día de hoxe, a ausencia de movemento na tramitación pon en risco cumprir o prazo marcado pola Xunta para abrir o centro para o curso 2015-2016.
O goberno municipal apunta que esa posible data de entrada en funcionamento do IES xa supuxo un atraso con respecto á formulación inicial de Concello e pais de que estivese listo para 2014. Pero se a licitación se demora máis, sinala o equipo de goberno, mesmo pode perigar ese prazo de 2015, o que sería "inaceptable" dada a saturación que sofren as aulas do instituto Blanco Amor.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER