A actuación ante os casos de absentismo escolar é unha das prioridades do Concello de Culleredo en materia de educación. Desde hai anos, o Concello desenvolve unha estratexia de intervención transversal entre as áreas de Educación, Servizos Sociais e Seguridade Cidadá para tratar de aplacar esta tendencia dalgúns alumnos.
É unha actuación coordinada co IES Eduardo Blanco Amor, que tamén desenvolveu diferentes medidas ante a diversidade de estudantes que recibe, encamiñadas así mesmo a loitar contra o absentismo.
Sen embargo, os casos máis difíciles de absentismo logran persistir. "É un absentismo residual que require máis medidas", apunta Carmen Trelles, directora do instituto cullerdense. E é neste punto onde xorde o proxecto Schoolab, participado polo Concello, o IES e a ONG Mestura por parte española, e pola Deputación de Reggio Calabria, o instituto Magistrale Gulli, e a asociación Pronexus, por parte italiana.
A súa finalidade: desenvolver estratexias conxuntas para afrontar o absentismo escolar, e en concreto, que poida abordar eses casos máis complicados que se resisten. É un proxecto financiado pola Unión Europea que durará dous anos: no primeiro o traballo centrarase en solicitar toda a información da situación e medidas tomadas en ambos os lugares, e no segundo idearase unha estratexia que se porá en práctica.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e a concelleira de Educación, Carmen Varela, presidiron hoxe a presentación do proxecto, aproveitando o primeiro encontro que se celebra. Nesta ocasión, Culleredo recibiu aos profesores e técnicos italianos. Ata Vila Melania tamén se desprazaron o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, responsables de áreas fundamentais na loita contra o absentismo.
O rexedor manifestou que o Concello ten o "máximo interese" en traballar para reducir todo o posible o absentismo escolar. Destacou as vantaxes de desenvolver un programa europeo achega do ámbito porque permite "intercambiar boas prácticas que nos poden servir a todos".
Sacristán lembrou que a "sinal de identidade" que distingue ao goberno de Culleredo é que prioriza os servizos sociais, a educación e a cultura. "Se un é alcalde é para poder levar a cabo proxectos como este, que supoñan melloras nas áreas de maior importancia", afirmou.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER