Os alcaldes de Culleredo e Cambre, Julio Sacristán e Antonio Varela, respectivamente, asinaron hoxe un convenio polo que o primeiro concello permite ao segundo conectar o saneamento de zonas de Sigrás e Anceis ao colector xeral do río Valiñas. Desta forma, a veciñanza destas dúas importantes zonas de Cambre poderán beneficiarse desde hoxe do servizo de saneamento.
O colector do río Valiñas executouse dentro do Plan de saneamento integral da ría do Burgo. Cando se instalou xa se prevía que a este colector se puidesen enganchar estes dous núcleos de Cambre tendo en conta a súa proximidade ao río. O convenio de hoxe non fai máis que oficializar o acordo que inclúe, por outra parte, a conexión do saneamento de Cambre en cinco puntos do río, en cada un dos cales se colocará un contador para coñecer con exactitude os metros cúbicos de residuos que van parar aos bombeos da ría e desde aí á depuradora de Bens. O Concello de Cambre aboará a cantidade de residuos que se traten.
O alcalde de Cambre destacou a mellora de servizos que a sinatura do convenio supón para a veciñanza de Sigrás e Anceis e a colaboración que houbo por parte do Concello de Culleredo para chegar ao acordo, un exemplo, segundo el, do "aproveitamento dos recursos existentes".
Pasarela peonil
Por outra parte, os dous rexedores anunciaron que Medio Ambiente aprobou o proxecto da pasarela peonil sobre a ría do Burgo que unirá os paseos de Cambre e Culleredo e que nestes momentos está pendente do financiamento por parte de Costas. Xunto a pasarela tamén se mellorará a seguridade peonil na ponte do Burgo coa construción doutra pasarela apegada á ponte. Esta actuación, na marxe esquerda en dirección ao Seixal, permitirá ampliar o número de carrís de circulación na ponte do Burgo.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER