O Concello de Culleredo prosigue aumentando a carteira de servizos sociais no municipio. A xunta de goberno que preside Julio Sacristán acordou onte adxudicar o uso da Casa Rosa do Burgo á Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM), co obxectivo de proporcionar un inmoble para o desenvolvemento dun centro de rehabilitación dirixido aos veciños de Culleredo e da comarca con esta enfermidade.
A concesión efectúase cunha duración de 25 anos, que serán prorrogables ata os 50. Será APEM a encargada de levar a cabo as obras necesarias para adaptar a Casa Rosa ao que requira a creación do novo centro.
A Casa Rosa pasará a ser un centro de rehabilitación psicosocial e laboral de persoas con enfermidades mentais. Incluirá unha vivenda de transición á vida autónoma coa finalidade de promover a adaptación dos usuarios á vida independente.
A concesión do inmoble municipal non vai aparellado a ningún tipo de canon a APEM. A súa utilidade pública e o interese xeral do servizo que alí se ofertará levan o Concello a esta concesión gratuíta.
Con este acordo, o Concello cumpre o compromiso alcanzado no seu día con José Luis Muruzábal, fundador de APEM recentemente falecido, quen sempre tivo a intención de abrir un centro desta clase en Culleredo.
A Casa Rosa permanecía actualmente sen uso, despois de que o Concello trasladase o centro social de maiores que albergaba a un local do entorno da Costa da Lonxa. Así, explica o alcalde, “darémoslle un uso moi necesario para moitas persoas e de enorme interese social”.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER