Cooperativas de Guatemala e Galicia participan mañá xoves en Culleredo nun encontro para dar a coñecer estas iniciativas de economía social. A actividade vincúlase ao proxecto de cooperación para o desenvolvemento a través do cal Arquitecturas sen Fronteiras (ASF) apoia á cooperativa B’eljuj Q’anil, dedicada aos materiais de construción, co financiamento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o Concello é socio. A entrada será libre ata completar aforo.
Baixo o título ‘Coop é activas, procesos de autodesenvolvemento cooperativo’, a xornada desenvolverase no Pazo de Vila Melania (Vilaboa) a partir das 18 horas, e contará coa presenza da cooperativa local Inda Iniciativas, dedicada ao desenvolvemento económico, social e cultural. Intervirán asemade a cooperativa Mulleres Colleiteiras, promovida por ASF na Coruña, que avoga polo autoemprego de mulleres en situación de exclusión social a través da xestión do aceite doméstico usado e a cooperativa B’eljuj Q’anil, que entrará por videoconferencia.
Tras a presentación das diferentes experiencias, abrirase un espazo de debate para intercambiar impresións co público e profundar nos procesos de autodesenvolvemento comunitario a través do traballo cooperativo, tanto en contextos internacionais como locais.
Como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Culleredo cofinancia o proxecto de Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala para fortalecer a cooperativa de materiais de construción B’eljuj Q’anil, onde ademais os beneficios se invisten en necesidades comunitarias.
Apóianse así os procesos de desenvolvemento en 16 comunidades campesiñas do municipio de Champerico, coa Asociación indíxena agropecuaria pro desenvolvemento rural como parceiro en terreo. Búscase mellorar a xestión e a produtividade a través de formacións, a diversificación da oferta, campañas para ampliar mercado, visitas de intercambio, mellora de instalacións, etc. Ao tempo reactívase a organización e participación da veciñanza, sobre todo das mulleres.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER