O Burgo prepárase para acoller o venres, 18 de xullo, a súa propia Noite Branca, iniciativa do Concello de Culleredo e da Asociación de Comerciantes de Culleredo para incentivar a chegada de clientes ao comercio local. Un amplo programa de actividades e animación dinamizará as compras nos negocios, que ofrecerán os seus descontos ao público.
A Noite Branca desenvolverase no centro urbano do Burgo. Participarán máis de 20 negocios na contorna da praza de Europa, rúa Sanjurjo de Carricarte, rúa Hersa, avenida de Acea de Ama e avenida de Galicia, que abrirán as súas portas no horario especial ata a medianoite.
O programa de animación do Concello comezará xa desde as 17.00 horas na praza de Europa, con iniciativas especialmente pensadas para os nenos. De 17.00 a 20.00 horas estarán a funcionar os inchables e os xogos populares. Ás 18.00 horas haberá un taller de recortables e ás 19.00 horas outro de globoflexia e maquillaxe. As actividades na praza de Europa concluirán ás 20.00 horas cunha festa de animación.
Nas rúas peonís Hersa e Sanjurjo de Carricarte comezará oficialmente a Noite Branca ás 20.00 horas, coa animación dun speaker. Ao longo da noite haberá animación radiofónica, música en vivo, teatro na rúa, flash-mob, e danzas contemporánea e hindú.
Cabe destacar a exhibición de tango arxentino ás 22.00 horas e o concerto dos Frikipaldis ás 23.20 horas. Ambos os actos serán na praza Sanjurjo de Carricarte. E non faltarán uns personaxes moi especiais que animarán aínda máis a noite do Burgo.
Ademais, desde as 20.30 horas funcionará un posto de flocos de millo, gratuíto para as persoas que compren na zona comercial ou acudan a un establecemento de hostalaría.
O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Juan Carlos Iglesias Lovelle, explica que esta edición ten un compoñente musical e escénico máis forte que anos anteriores para animar á xente a coñecer o comercio local, do que destaca o seu "calidade e ampla variedade". O edil convida os cidadáns a acudir en familia, dado que haberá opcións para todos os gustos.
"É momento de esforzarnos e apoiar ao máximo a un sector comercial máis próximo e desde o Concello tratamos de colaborar sempre", apunta.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER