Case tres meses despois da súa posta en marcha, confírmase o éxito do proxecto de hortos urbanos que o Concello de Culleredo organizou no Burgo, tras a experiencia positiva que se obtivo en Vilaboa. Tras un período de formación teórica e práctica, os veciños participantes xa obteñen colleitas de todo tipo, como leitugas, tomates, calabacines, acelgas, pementos, xudías, fresas e un longo etcétera.
Así o puido comprobar o alcalde, Julio Sacristán, que nos últimos días visitou os hortos e destacou o enorme traballo levado a cabo polos participantes.
A implicación dos usuarios é total e a diario pódeselles ver tratando con mimo a súa parcela. Nelas pódese observar ademais diferentes técnicas para plantar, regar e mesmo para escorrentar aos paxaros.
E tamén explotan unha colleita solidaria. Os participantes no proxecto municipal xa realizaron a súa primeira doazón de produtos de cultivo de horticultura ecolóxica ao Fondo Municipal de Alimentos de Culleredo. Esta doazón de colleita foi o resultado da produción realizada polos usuarios nas parcelas habilitadas para este fin polo Concello e que os participantes colaboran mantendo. A iso sumaron os sobrantes de colleitas nos seus propios hortos.
Con esta achega inicial púidose beneficiar a 18 familias de Culleredo en situación de poucos recursos.
O Concello de Culleredo puxo en marcha en abril os hortos urbanos do Burgo, tras lograr notable éxito nos de Vilaboa. Con eles propíciase unha opción de autoconsumo para os usuarios e incorporáronse hortos solidarios para contribuír co banco municipal de alimentos.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER