A conversión da Casa Rosa do Burgo nun centro de rehabilitación psicosocial entra na súa recta final. A Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) recibiu a cesión do inmoble por parte do Concello de Culleredo sen ningún tipo de canon para dar resposta á necesidade de atención ás persoas con estas doenzas e acometeu os traballos de restauración.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, visitaron a Casa Rosa xunto con representantes de APEM, entre os que se atopaba a súa presidenta, María Antonia Pérez, para coñecer o resultado do minucioso labor realizado neste edificio emblemático.
As obras de rehabilitación centráronse principalmente nos chans, teitos e xanelas. As instalacións eléctricas, a calefacción ou o ascensor xa foran realizados no seu día polo Concello.
No chan foi necesario cambiar moitas das táboas de madeira que se atopaban en mal estado. As xanelas foron adaptadas ás necesidades dos futuros usuarios. E nos teitos realizouse un traballo de precisión para recuperar as espléndidas escaiolas que coroan as habitacións. En cada unha o debuxo é diferente e un pintor afanouse no seu pintado a man.
Con todo este proceso a Casa Rosa recuperará o brillo das súas galerías, os seus corredores ou a súa terraza coa súa escaleira de caracol, no centro do Burgo, para un fin social. Sacristán felicitou a APEM polo arduo traballo realizado e mostrouse convencido da idoneidade do lugar para os seus fins.
E é que a asociación pasará a ser un centro de rehabilitación psicosocial e laboral de persoas con enfermidades mentais. Incluirá unha vivenda de transición á vida autónoma coa finalidade de promover a adaptación dos usuarios á vida independente.
A concesión do inmoble municipal non leva aparellado ningún tipo de canon a APEM. A súa utilidade pública e o interese xeral do servizo que alí se ofertará levaron ao equipo de goberno a efectuar esta concesión gratuíta. A concesión efectúase por unha duración de 25 anos, que serán prorrogables ata os 50.
Os traballos xa han practicamente concluído, a falta dos últimos remaches. A entidade agora colocará todo o mobiliario necesario coa intención de trasladar canto antes aos usuarios, que agora utilizan un pequeno local no Temple. A data que manexan é finais de marzo.
A idea de levantar en Culleredo un centro de atención para APEM era unha meta conxunta do alcalde e o seu fundador, o falecido José Luís Muruzábal. Esta primavera verá a luz.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER