A clase e o porte dos coches clásicos sairán a pasear o domingo, 13 de marzo, polas estradas de Culleredo. O municipio acolle a terceira edición do rally de regularidade de vehículos históricos, organizado pola Escuadra Centola coa colaboración do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña.
Haberá modelos, uns 30, de todo tipo. Todos eles teñen unha datacomprendida entre 1973 e 1988. Destacarán coches como un MGB convertible.
Ás 9.30 horas do domingo empezarán a verse no recinto multiusos do paseo do Burgo. Habilitarase tamén unha zona de exposición para coches históricos de afeccionados que non participan en próbaa pero desexen exhibilo. Neste sentido xa está confirmada a participación dun 850 coupé.
Ás 11.00 comezará a proba para os inscritos. Será un paseo (o límite máximo de velocidade é de 49 km/h) pola Zapateira, Uxes, Boedo, Tabeaio, Andeiro, Cambre e regreso ao Burgo a partir das 14.00 horas.
No paseo poderanse ver os coches até as 17.00 horas.
O concelleiro de Deportes, Miguel Suárez, agradece a implicación da escuadra, con sede en Culleredo, en organizar un evento que permitirá observar uns coches con historia e dignos de ser vistos.