O Concello de Culleredo será sede este sábado, 19 de marzo, do particular All Star do infantil galego. Unha selección de xogadores de baloncesto do norte enfrontarase, de forma amigable, a unha selección do sur de Galicia, de forma similar ao que ocorre na NBA.
O polideportivo municipal do Burgo será o escenario da xornada, organizada pola Federación Galega de Baloncesto coa colaboración do Concello e do Club Baloncesto Culleredo, que será o anfitrión. A competición englobará tanto á categoría masculina como á feminina.
Os seleccionadores, Fernán Varela e Cristina Menor, xa publicaron a lista oficial de convocados. Serán 20 xogadores e 22 xogadoras, todos nacidos no ano 2003, procedentes de distintos clubs de toda a comunidade.
Na mañá do sábado terán lugar os adestramentos: ás 10.00 horas os de categoría feminina e ás 12.00 horas os de masculina. Pola tarde disputaranse os encontros: ás 17.00 horas a categoría feminina e ás 19.00 horas, a masculina.
O Club Baloncesto Culleredo mostra a súa alegría por poder contar cun evento desta importancia en Galicia, promocionando o deporte base que é precisamente una das súas grandes prioridades como club.
O concelleiro de Deportes, Miguel Suárez, destaca a tecnificación e deportividade que quere promover o All Star Galicia. Ademais, apunta que serán decenas de persoas as que se acheguen a Culleredo de toda Galicia para presenciar os encontros, coa dinamización local que iso leva.