A atención á dependencia constitúe un das áreas de intervención prioritarias para o Concello de Culleredo. Pioneiro na creación dos servizos sociais nos concellos nos anos 80, o Concello conta na actualidade cun servizo para os dependentes que atende a todos os veciños, incluídos aqueles que quedan na lista de espera da Xunta de Galicia.
O goberno local cullerdense leva anos loitando polo incremento das horas do servizo para dependentes da Xunta, que é o que se encarga dos casos marcados como dependentes na lexislación. O mes pasado, o Concello logrou un pequeno incremento do número de horas, pero que segue sendo insuficiente para a demanda real dos veciños.
En concreto, a Xunta concedeu un total de 2.359 horas ao mes, que se aplicarán desde o 1 de xullo próximo. Isto supón poder dar servizo a10 das 36 persoas que a Xunta tiña en lista de espera. As restantes 26 seguen en lista de espera e o Concello será o que, por decisión propia, ofreza a atención en tanto a administración autonómica non siga incrementando a asignación.
É o chamado sistema de libre concorrencia, que atende aqueles casos con menor grao de dependencia e no que o Concello tamén acolle aos que quedan excluídos do sistema autonómico. En 2015, o Concello ofreceu 27.000 horas de asistencia, fronte ás 17.478 horas da Xunta, é dicir, un 54% máis.
En total, os cidadáns de Culleredo con esta necesidade recibiron en 2015 máis de 44.000 horas de atención, fronte ás 39.121 horas de 2014. É dicir, o ano 2015 foi a marca de prestación de axuda a domicilio. Pero é seguro que 2016 o superará, avanza a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo.
Na actualidade son 253 os usuarios, pero o servizo vai crecendo gradualmente segundo as necesidades da poboación. E o Concello de Culleredo garante que disporá os fondos requiridos para incrementar o servizo sempre que corresponda. Aínda que a Xunta non dea a resposta apropiada, o Concello non vai deixar abandonados aos veciños que teñen máis necesidades.