O Concello de Culleredo aprobou na sesión ordinaria do pleno, por unanimidade, a creación dunha vía verde no paso antigo do ferrocarril desde Orro a Boedo pasando por Bregua. A proposta foi presentada polo goberno municipal, que aposta por aproveitar este espazo hoxe en desuso para o turismo e o deporte ao aire libre.
O alcalde, Julio Sacristán, lembrou na sesión que en 2006 o Concello xa tentara esta proposta. Naquel entón o ministerio rexeitouno porque asegurou que a vía se usaría para trasladar carbón desde o porto e rexeitamentos de lixo desde Nostián a Cerceda.
Hoxe en día esa previsión quedou aparcada porque xa se retiraron as travesas e os raíles e a maleza está gañado o terreo, apuntou o rexedor. Sacristán expuxo que as características das vías verdes implican que estean preparadas para peóns e ciclistas, e que se asegure a accesibilidade. "Esta vía verde conducirá a contornas descoñecidas para a maioría de veciños e para os turistas", sinalou.
Tras o acordo, o Concello de Culleredo procederá a solicitar a redacción do proxecto á Fundación dos Ferrocarrís Españois, entidade que xestiona o programa de vías verdes en España, tendo no seu padroado ao Ministerio de Medio Ambiente ou Adif. No entanto, no caso de que esta non se faga cargo, o Concello pediría a cesión dos terreos para emprender o proxecto de forma directa.
A vía entre Orro, Bregua e Boedo quedou sen uso tras a construción do eixo atlántico de alta velocidade. No seu tramo poderanse atopar as antigas estacións e túneles por onde ía o ferrocarril.
Sacristán defendeu que o programa de vías verdes é coincidente coa intención do Concello de pór en valor a zona rural con opcións de lecer de goce da natureza.