A sala infantil da Biblioteca do Burgo presenta xa nova cara. O Concello de Culleredo acaba de executar un proxecto de mellora da dependencia, situada na primeira planta do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, deixándoa así preparada para a súa próxima reapertura.
Entre as principais novidades da actuación xa completada atópase a creación dun recuncho específico para bebés. Cun recinto de cores, os máis pequenos contan agora cunha zona para os seus xogos con maior seguridade.
O Concello renovou o pintado de toda a dependencia, recorrendo a cores vivas para adaptala ao máximo ao público infantil ao que se dirixe. Tamén se introduciron novos elementos decorativos na sala, sempre coa intención de animar aos nenos á lectura. Ademais, levaron a cabo traballos de arranxo dalgúns danos, como o conxunto do falso teito.
A sala infantil da Biblioteca recibe usuarios practicamente a diario, e especialmente nas actividades de animación que organiza o Concello de forma semanal. A mascota da Biblioteca, a Dragona Ramona, é unha asidua, promovendo contacontos, talleres de lectura ou contos en inglés para os pequenos.
A Biblioteca reabrirá as súas portas nas próximas semanas, tras trasladar a súa actividade á Biblioteca de Vilaboa mentres se realizaban as obras de rehabilitación do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Agora, co inminente traslado dos servizos municipais ao edificio, poderase iniciar o curso coas dúas Bibliotecas.