Culleredo vivirá un intenso mes de agosto futbolístico. O Concello publica o calendario das súas emblemáticas competicións: o Trofeo de Fútbol Afeccionado, que alcanza a súa XXXIX edición, o XIX Trofeo de Veteranos, e o IV Torneo de Fútbol Base Infantil.
O Trofeo de Fútbol Afeccionado comeza o xoves 4. Participarán o Sporting Burgo, o Olímpico de Rutis, O Portádego, a Agrupación Deportiva Culleredo e a Unión Deportiva Almeiras. A final será o 27 de agosto no campo de fútbol de Rutis.
No Trofeo de Veteranos repetirán todos estes clubs, salvo o Culleredo. Tamén participará o Fontemaior. A final será tamén en Rutis o 26 de agosto.
E finalmente o torneo de fútbol base, de idade cadete, serei o 27 de agosto en Rutis, como antesala á final do tradicional torneo de fútbol afeccionado. Constará dun triangular entre o Olímpico, Sporting Burgo e O Portádego.
O concelleiro de Deportes, Miguel Suárez, anima aos veciños a achegarse polos campos para gozar dos partidos. Destaca que estas competicións están moi arraigadas no municipio e xuntan cada ano a decenas de persoas.