O paseo marítimo do Burgo será escenario mañá venres, día 16, e o sábado 17, do festival-romaría que organiza a agrupación Catalmibre Tradicional, en colaboración co Concello de Culleredo. Baixo a denominación de "Folk n Cros", trátase xa dunha proposta consolidada na comarca e que atraerá por centos de persoas ao municipio.
O evento comezará mañá ás 21.30 horas co festival folk. O cartel componse de tres grupos: Mini e Mero, Oîma e Virandeira Folk.
O sábado terá lugar a gran romaría, que se desenvolverá a partir das 12.30 horas. Pola mañá tocarán Terra de Sena, procedentes de Cee; Garrulaxe, de Cecebre; e Alfaia, da Coruña. Pola tarde, desde as 18.00 horas, será a quenda de Chorima, de Rois; A.C. Osorio Gutiérrez, de Lourenzá; Castellanos de Olid, de Valladolid; e Catalmibre, os anfitrións cullerdenses.
No festival búscase así mesmo a participación dos asistentes, que están chamados a unirse cos seus instrumentos á festa. A foliada está prevista a partir das 20.00 horas.
E como se trata dunha romaría, o Concello anima aos asistentes a levar a súa comida ou comprala na romaría e aproveitar a contorna natural xunto á ría. Os prezos serán populares, con churrasco, a 6,5 euros a ración con pan e viño. As cervexas e licores do país estarán a 1 euro durante toda a fin de semana.
O Concello de Culleredo anima aos cidadáns a achegarse ao longo da xornada para gozar de actuacións de calidade. A edila de Cultura, Carmen Varela, encomia o gran traballo de Catalmibre que co seu festival folk de mañá situará a Culleredo como punta de lanza do xénero.