O Concello de Culleredo tramita as obras de dotación de iluminación LED na Zapateira, nas rúas Río Mandeo e Montespiño. A actuación sumarase á construción de beirarrúas e instalación de rede de pluviais xa realizada nestas dúas rúas, de elevado uso polos veciños da zona e polos dous colexios aos que dá servizo.
Os traballos, cun orzamento de 73.515,17 euros que cofinancia a Deputación da Coruña, consistirán na provisión de luminarias con tecnoloxía LED nos 20 puntos de luz de ambas as dúas vías.
Ademais instalarase un novo centro de mando, con temporización de aceso e dispositivos reductores de fluxo. Tamén se canalizarán as liñas de tensión.
Tamén no Burgo, o Concello ampliará as zonas do paseo marítimo con esta iluminación tipo LED. Actualmente xa existe na contorna do xardín botánico e o goberno local levarao á zona dos Templarios, xunto á ponte romana.
Serán un total de 77 luminarias novas pero o alcalde, Julio Sacristán, xa avanza que os plans pasan por ir progresivamente implantando esta tecnoloxía en todo o paseo marítimo. Os traballos serán adxudicados esta semana.
Neste mesmo sentido, o Concello acaba de renovar a iluminación interior da Biblioteca do Burgo, que o pasado luns reabriu ao público tras as obras de rehabilitación executadas no Edificio de Servizos Múltiples. Agora tanto a sala de lectura como a infantil dispoñen de luces LED, moito máis cómodas para os usuarios da Biblioteca.
O obxectivo do plan é dotar á iluminación dunha tecnoloxía eficiente e que fomenta o aforro, sinala o rexedor. Sacristán lembra que o gasto enerxético é un dos máis grandes nas administracións municipais e por iso é necesario realizar investimentos que redundan en beneficios futuros.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER