O Concello de Culleredo estrea programación infantil das bibliotecas con novidades en canto ás actividades, os horarios e os lugares. O goberno municipal dispón un programa ampliado, tendo en conta o éxito crecente que se rexistra nestas iniciativas, co que pretende seguir animando aos máis pequenos do municipio a adquirir hábitos de lectura.
Nos últimos anos, a programación infantil desenvolvíase na biblioteca do Burgo. Pero coas obras no Edificio de Servizos Múltiples, a Biblioteca quedou pechada temporalmente e as actividades infantís trasladáronse á de Vilaboa. O resultado foi exitoso polo que agora que se reabriu a sala do Burgo, o Concello apostou por lanzar a programación nas dúas salas.
Neste primeiro trimestre haberá un total de 24 actividades de promoción da lectura para nenos. As novidades pasan polos contos específicos para bebés, nun recinto creado este verán na sala do Burgo, e contacontos da compañía Trinketrinke Teatro, que se unen aos que representa a Dragona Ramona, mascota das bibliotecas cullerdenses.
Tamén haberá contos en inglés, talleres de contos e os chamados Biblioxogos. A programación desenvolverase principalmente os venres ás 18.00 horas en ambas as dúas bibliotecas.