O Concello de Culleredo celebrou na noite de onte a primeira reunión do Consello Xeral de Participación Cidadá. É o máximo órgano de participación veciñal no sistema creado este mandato.
A súa misión é a de coordinar as propostas elevadas por parte do catro Consellos sectoriais e trasladar aquelas que considere ao pleno municipal. Á reunión acudiron representantes de cada un dos consellos sectoriais: de Seguridade Cidadá; de Benestar Social; de Educación, Cultura, Deporte e Tempo Libre; e de Medio Ambiente, Urbanismo e Promoción Económica.
A reunión tivo lugar no Edificio de Servizos Múltiples, baixo a presidencia do alcalde, Julio Sacristán. Ao Consello Xeral acudiron ademais representantes dos grupos políticos da corporación.
O sistema de participación busca a implicación das asociacións e axentes sociais na toma de decisións no Concello. Unha das principais será a selección dos investimentos municipais a incluír no orzamento municipal de 2017.
O rexedor entregou aos membros do Consello unha relación de posibles a actuacións a incluír no orzamento, das que o Concello xa dispón na súa maioría de memoria valorada, co obxecto de facilitar o seu labor. Componse de obras por 2,2 millóns de euros en materia de educación, deportes, cultura, aforro enerxético, saneamento, seguridade viaria, sanidade, pavimentaciones e melloras en parques infantís.
Pero as entidades poderán formular as súas propias propostas, tanto por correo electrónico como no propio rexistro. En breve haberá novas reunións do catro Consellos Sectoriais para analizar as de cada ámbito e elevalas a un novo encontro do Consello Xeral.
Os Consellos están formados por asociacións veciñais e de todos os ámbitos, así como por institucións con presenza no concello e técnicos.
O alcalde aposta por promover a "total implicación das asociacións para orientar as políticas do Concello a satisfacer as principais necesidades de forma común". Por iso anima aos veciños a participar nas entidades e aos seus membros a involucrarse ao máximo nesta nova estrutura de participación do Concello.
Do mesmo xeito que cos investimentos para os orzamentos, o Concello tamén abriu a participación para decidir o destino dos fondos europeos DUSI logrados. Onte Sacristán tamén explicou os obxectivos desta estratexia e as actuacións subvencionables.