Os mozos de Culleredo disporán desde esta semana dun novo plan de actividades específicas, lanzadas polo Concello. Serán os venres pola tarde nas instalacións do novo centro cívico de Fonteculler.
Son tres as iniciativas que lanza o Concello, atendendo aos centros de interese dos mozos e ao resultado de experiencias previas. Todas elas relaciónanse coa música e o baile.
Para os rapaces de 12 e 13 anos lánzanse clases de Modern Dance. Serán os venres de 18.00 a 19.00 horas.
Outro estilo que poderán aprender, neste caso a partir dos 14 anos, serán os bailes latinos. Serán de 20.00 a 21.00 horas.
E a actividade que se repite, dada a gran afluencia lograda en pasadas edicións, será a zumba, tamén para mozas de 14 en diante. Terán un horario de 19.00 a 20.00 horas.
O Concello oferta as actividades de forma gratuíta para favorecer a asistencia dos mozos, nun programa que leva por título "Os venres son para ti".
En todos os casos será necesario preinscribirse ás actividades enviando un mail a cipax@culleredo.es. Cada grupo terá un mínimo de 8 participantes e un máximo de 24. Todas as actividades iniciaranse este venres 11 de novembro.