O Conservatorio Municipal de Música é un dos proxectos educativos máis importantes do Concello de Culleredo. Foi creado hai 25 anos para satisfacer a demanda dos veciños, ao carecer de prazas no Conservatorio da Coruña. A día de hoxe, a pesar de tratarse dunha competencia propia da administración autonómica, é o Concello o que dedica os fondos propios necesarios para o seu funcionamento.
E é que a día de hoxe a Xunta só achega o 1,49%, fronte ao 69,55% que procede do Concello de Culleredo, o 25,97% das cotas dos alumnos, e o 2,99% da Deputación da Coruña. En cifras: o orzamento anual do Conservatorio é de 670.000 euros, dedicado sobre todo ao profesorado, ao equipamento e ao mantemento do edificio. O Concello financia 466.000 euros, os usuarios 174.000, a Deputación 20.000 e a Xunta 10.000 euros.
O goberno local de Culleredo considera que é momento de que esa situación cambie e por iso pedirá á Xunta, a través da Fegamp, que se encargue dun servizo educativo do que ten a competencia.
No caso de Culleredo, ademais, o Conservatorio ofrece un servizo supramunicipal, ao contar con alumnos da Coruña, Arteixo, Cambre ou Oleiros. Son cidadáns que non poden acceder ao da cidade, xa completo, e matricúlanse en Culleredo, onde se ofrece ensino de iniciación, de grao elemental e de grao profesional.
Esta situación contrasta co que sucede na Coruña, onde a Xunta paga o 100% do Conservatorio.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, asegura que o Concello podería asumir o mantemento do edificio, do mesmo xeito que sucede cos colexios, pero que "o lóxico" é que un radique o servizo na Xunta ao ser a administración competente. O Concello de Culleredo está a realizar un "esforzo brutal", apunta o rexedor, para manter o Conservatorio. "Apostamos hai 25 anos por unha formación de calidade nun ámbito que esperta moito interese entre os veciños", afirma.
Pero é "absolutamente necesaria" a implicación da Xunta para o seu funcionamento e os fondos reservados nos orzamentos de 2017 son de xeito evidente insuficientes