O Concello de Culleredo completou a renovación da iluminación no paseo dos Templarios, unha das actuacións en materia de iluminación pública programadas polo goberno local. Neste caso, o proxecto desenvolveuse tanto no paseo marítimo como na rúa interior.
A actuación consistiu no cambio das luminarias colocando no seu lugar outras con tecnoloxía LED. Foron un total de 77 os puntos de luz renovados.
Os traballos requiriron un investimento de 53.771,14 euros. Con estas novas luces lograrase un importante aforro sen perder en potencia e reducindo a contaminación lumínica.
A actuación completarase coa dotación de novos puntos de luz xunto aos portais dos edificios. Tras conversacións cos veciños, e de cara a garantir unha luz adecuada tamén na beirarrúa, o Concello acordou a súa pronta instalación.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, destaca as vantaxes que proporciona esta tecnoloxía "máis eficiente, económica e respectuosa co medio ambiente". Por iso avanza que o Concello programará proxectos de forma continuada para ir modernizando a iluminación pública.
O Concello ampliou así as luces LED do paseo marítimo do Burgo, xa existentes na contorna do xardín botánico. O plan do goberno local é seguir impulsando estas actuacións, nunha zona que acapara gran parte da iluminación pública do municipio.
Proxecto para A Zapateira
O Concello tamén tramita as obras de dotación de iluminación LED na Zapateira, nas rúas río Mandeo e Montespiño. A actuación sumarase á construción de beirarrúas e instalación de rede de pluviais xa realizada nestas dúas rúas, de elevado uso polos veciños da zona e polos dous colexios aos que dá servizo.
Os traballos, cun orzamento de 73.515,17 euros que cofinancia a Deputación da Coruña, consistirán na provisión de luminarias con tecnoloxía LED nos 20 puntos de luz de ambas as dúas vías. Ademais instalarase un novo centro de mando, con temporización de aceso e dispositivos reductores de fluxo. Tamén se canalizarán as liñas de tensión.
A parroquia de Castelo será outra das zonas onde de forma inmediata o Concello levará a cabo proxectos de eficiencia enerxética, cun novo centro de mando e substitución de luminarias.