As instalacións de Benestar Social do Concello de Culleredo situadas en Vilaboa acollerán desde mañá os talleres do programa Activa-T, que organiza a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO) e que chega ao municipio cullerdense grazas á colaboración entre a devandita entidade e o goberno local.
O programa Activa-T, dirixido a persoas con deterioración cognitiva leve e a quen padecen Alzheimer na súa fase inicial, ten como obxectivo retardar o avance da enfermidade e mellorar a calidade de vida a través de terapias non farmacolóxicas.
Os participantes no programa Activa-T, persoas que presentan Alzheimer ou outras demencias nunha fase demasiado inicial para acudir a un centro de día pero demasiado avanzada para axustarse ao perfil doutro tipo de talleres, acudirán ás instalacións de Vilaboa os mércores e os venres, de 10.00 a 11.30 horas. Unha psicóloga de AFACO será a encargada de coordinar as actividades que realizarán, así como de facer o necesario seguimento de cada un deles e de manter contacto permanente cos seus familiares e cos médicos.
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO), que destaca o interese mostrado polo Concello de Culleredo por implantar o programa Activa-T no municipio, lembra a importancia que ten recibir terapia non farmacolóxica desde que os síntomas das demencias comezan a manifestarse e lamenta que moitas familias comecen a interesarse polas mesmas cando o cadro está xa demasiado avanzado.
As familias que desexen participar en Activa-T aínda están a tempo de formalizar a inscrición, xa que esta permanecerá aberta unha vez iniciados os talleres. Para iso, deben poñerse en contacto con AFACO a través do número de teléfono 981 205858. Unha entrevista aos familiares e unha avaliación cognitivo-afectiva de cada un dos candidatos determinarán cales se adaptan ao perfil ao que van dirixidas as actividades do programa, deseñado para entre 10 e 15 persoas. O prezo da inscrición é de 70 euros, aínda que as familias poden solicitar a libranza económica a través da Lei de Dependencia.