A creación do carril bici metropolitano dá un novo paso en Culleredo coa licitación dos traballos. O Concello abre o proceso de contratación, cun orzamento de 257.389,55 euros, que financia a Deputación da Coruña.
O obxectivo do proxecto será renovar a rede actual de senllas ciclistas do municipio e interconectalas tanto entre si como coa xa existente en Cambre, dando continuidade ao carril a nivel da comarca. A actuación suporá así mesmo un incremento do espazo para bicicletas de 2,4 km, alcanzando un total de 8,3 km entre Fonteculler, Vilaboa e O Burgo.
Os traballos principais terá lugar na conexión do carril do paseo Tierno Galván co do paseo do río Trabe, na zona do campo de fútbol do Burgo. Para iso ampliarase a plataforma na avenida de Ribados, levarase o carril por baixo da autoestrada na avenida de Rutis e enlazarase co paseo do Trabe por detrás das obras de construción do novo CEIP. Desta forma evítase o ter que utilizar o paso estreito xunto ao CEIP Isaac Díaz Pardo, polo que a seguridade viaria verase notablemente incrementada.
A conexión máis longa a realizar será no Burgo, desde a AC-211 até a entrada en Cambre na contorna da Barcala. Créanse 1,4 km ao longo do paseo dos Templarios, onde se aproveitará a amplitude da plataforma existente e delimitarase o carril bici con tachuelas encaixadas no pavimento, e pasando por baixo da AP-9 até chegar ao municipio lindeiro. Neste tramo pavimentarase e terá bordos de formigón.
Finalmente, empregaranse as pontes peonís para conectar a senda do paseo marítimo do Burgo coa do paseo Tierno Galván. As pontes irán debidamente sinalizados para informar desta convivencia.
No conxunto do carril bici colocarase sinalización horizontal e vertical adecuada para a súa identificación e garantir a continuidade.
O tempo estimado de execución das obras será de dous meses desde a data de formalización do contrato.
En canto á conexión coa Coruña, o carril bici no paseo marítimo xa está preparado para ser enlazado de forma automática.
Para o Concello de Culleredo trátase dun proxecto moi desexado para poder interconectar o seu carril bici coa senda de Cambre e coa cidade da Coruña. Para fomentar unhas rutas ciclistas adecuadas, tanto como medio de transporte como por interese turístico é imprescindible a continuidade de o carril na área metropolitana.