O Concello de Culleredo achega o seu funcionamento aos escolares do municipio. A Concellaría de Educación puxo en marcha o programa de Educación Constitucional, no que participan 257 alumnos de 10 e 11 anos dos colexios Tarrío, Ría do Burgo, Isaac Díaz Pardo, e Sofía Casanova.
A actividade desenvólvese na propia Casa do Concello e cun espírito eminentemente práctico. Divididos en pequenos grupos, os rapaces van percorrendo os distintos departamentos co obxectivo de pescudar determinados datos e procedementos municipais.
A concelleira de Educación, Carmen Varela, recibe aos pequenos no salón de plenos, onde lles explica en xeral o funcionamento democrático da administración local. Daquela os escolares percorren departamentos como urbanismo, medio ambiente, secretaría...
A parte máis práctica chegou no rexistro municipal, principal lugar de atención ao cidadán. Alí os nenos aprenderon a presentar correctamente unha instancia.
Un dos procedementos en que estiveron máis interesados os pequenos foi no aviso de incidencias para solicitar arranxos por parte do Concello. E tamén se interesaron pola forma de solicitar licenza urbanística.
A arquiveira municipal proporciónalles ademais unha copia do primeiro documento onde consta a constitución do Concello, de 1836, entón denominado como Alvedro