O Concello de Culleredo finaliza as obras de renovación da rede de abastecemento de auga nun total de 12 rúas do municipio. Trátase de actuacións que pretenden modernizar as instalacións e tubaxes para evitar avarías xa de forma preventiva.
Por unha banda, o Concello acometeu un proxecto nas rúas Federico García Lorca, Rafael Alberti, O Xesto, Reveriano Soutillo, Río da Cova, Andrés Reboredo e San Manuel. En todas estas vías instaláronse novas tubaxes e repuxéronse as conexións e acometidas existentes.
O segundo proxecto realizouse nas rúas Os Pereiros, As Catas, Rafael Dieste, A Regueira e a avenida de Alvedro. Neste caso, quedou pendente o cruzamento na Nacional 550 en Alvedro, á espera da autorización do Ministerio de Fomento, titular da vía.
O investimento foi no primeiro caso de 41.038,43 euros e no segundo de 125.671,37 euros, polo que a contía total supera os 165.000 euros. As obras contaron co cofinanciamento da Deputación da Coruña.
Así mesmo, o Concello xa comezou os traballos na vía entre Goiente e Silvar, onde tamén se modernizará o abastecemento. Neste caso, o investimento alcanzará os 30.968,83 euros.
O alcalde de Culleredo, Julio Sancristán, considera "fundamental" realizar un traballo preventivo para manter a rede de abastecemento "nas mellores condicións" e reducir as avarías aos veciños.
O departamento de Obras e Servizos, que dirixe José Ramón Rioboo, promove as inspeccións dos técnicos na rede de auga, o que permite seleccionar os lugares apropiados para actuar e mellorar as tubaxes.