O proxecto de animación á lectoescritura "Illa Fantasía: A escola de Unicornio" triunfa en Culleredo. O Concello leva o programa ao Centro Rural Agrupado (CRA) e ao CEIP Sofía Casanova, logrando a implicación dos profesores, fundamental para o seu desenvolvemento.
O alumnado recibe cartas semanais nas aulas desde a Illa e as visitas de "A bruxa Mala Uva". Créase así unha ambientación que motiva aos pequenos e axuda á lectoescritura.
.
Esta iniciativa desenvólvese tamén en Sada (EEI Carnoedo, CEIP Barrié da Maza -Mondego- e o CEIP plurilingüe O Mosteirón) e este ano chegou ao CEIP Vales Villamarín de Betanzos e aos citados de Culleredo.
Máis de 900 alumnos e alumnas, de Educación Infantil e Primaria, participan deste proxecto, no que colaborou a Deputación e foi premiado pola Fundación Barrié en materia de proxecto educativo intercentros.
A concelleira de Educación, Carmen Varela, visitou aos pequenos da escola unitaria da Choeira, en Almeiras, e animounos a prestar moita atención a todos os consellos da bruxa.