Moita emoción e ata algunha bágoa apareceu na clausura do obradoiro de emprego sobre dinamización do tempo libre que organizou o Concello de Culleredo, co financiamento da Xunta de Galicia. Os 13 mozos participantes fixeron piña durante o seis meses que durou a iniciativa e mostráronse orgullosos de recibir a súa certificación, pero tamén apenados da conclusión do programa.
O Concello inicia agora cos 13 participantes un traballo de prospección e intermediación co mercado laboral para axudarlles na súa procura de emprego. Os técnicos municipais de Formación poranos en contacto con empresas do sector e efectuarán un seguimento personalizado.
De feito, algunhas empresas xa mostraron o seu interese. Nestes meses de obradoiro, os participantes xa efectuaron prácticas con algunhas delas, en eventos xestionados polo Concello, polo que xa teñen a súa carta de presentación.
"Queremos facer todo o posible para apoialos na súa procura de emprego", sinalou o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, que clausurou o obradoiro acompañado por Juan Carlos Lovelle, concelleiro de Formacion.
Rioboo felicitou aos rapaces pola súa enorme dedicación no obradoiro. "Estamos moi orgullosos", revelou. Nestes meses, ademais de recibir a formación téorica, implicáronse activamente en proxectos de tempo libre que eles mesmos idearon, deseñaron e executaron. Foi o caso dunha xornada de xogos populares, de talleres ou do festival Culleredo Cultura Urbana, que serviu o venres como colofón do seu traballo.
O obradoiro de emprego dirixiuse a mozos menores de 30 anos en situación de desemprego, a través do Sistema de Garantía Xuvenil.