O Concello de Culleredo dirixe esforzos en materia de educación viaria para os mozos do municipio. Tras a boa resposta obtida os últimos anos, e a petición dos propios novos, o goberno municipal promove de novo unha formación en condución segura, para preparalos de cara a afrontar situacións difíciles ao volante.
O curso de condución segura, de carácter gratuíto, levarase a cabo o sábado 27 e o domingo 28 de maio, unha edición cada día cun máximo de 15 prazas. As sesións impartiranse no espazo multiusos do paseo marítimo do Burgo, en horario de 9:00 a 14.00 e de 16.00 a 18:00.
Está dirixido a mozos, con preferencia para os empadroados en Culleredo, con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos. Será necesario presentar o carné de conducir para poder realizar as prácticas.
O concelleiro de Xuventude, Miguel Suárez, destaca que a formación terá tanto contidos teóricos, con maquetas e material audiovisual, como prácticos, para que os mozos adquiran destrezas de condución ante situacións adversas. Así, apunta, as prácticas ensinarán a manexar o coche cun firme deslizante.
Para asistir aos cursos é necesario inscribirse previamente en cipax@culleredo.es. O prazo comprende ata o 25 de maio.