O Concello de Culleredo potencia a ría do Burgo como espazo para a práctica deportiva. Tras a estrea o ano pasado con kaiaks, nesta ocasión aproveitará a lagoa de Fonteculler para impartir unha formación en piragüismo.
Irá destinada aos mozos do municipio, desde os 18 aos 35 anos. Terá lugar do 9 ao 11 de xuño, sumando un total de 20 horas.
O curso terá un carácter teórico-práctico, para proporcionar un coñecemento básico do material e manexo da piragua. Traballaranse conceptos como as técnicas de paleo, os desprazamentos laterais, o descenso de correntes ou o chamado esquimotage. Incluirá unha práctica no mar, en Gandarío.
O período de inscrición abrirase hoxe luns 22 e finalizará o 2 de xuño. O Concello oferta 25 prazas, todas con carácter gratuíto.