O Concello de Culleredo implicou ás asociacións do municipio no desenvolvemento da súa estratexia de desenvolvemento urbano sustentable e integrado (DUSI), para que logrou o financiamento da Unión Europea. A través dos Consellos Sectoriais fóronse analizando as propostas e nun encontro celebrado no salón de plenos, o Consello Xeral de Participación Cidadá aprobou un total de 14 accións de diferente ámbito.
O Consello Xeral de Participación Cidadá, contou coa asistencia representantes dos Consellos Sectoriais e dos grupos políticos da corporación, e foi presidido polo alcalde, Julio Sacristán.
A mellora e modernización da rede de centros sociais aglutina boa parte das actuacións seleccionadas polo Consello. Decidiuse: remodelar o centro sociocultural de Celas, mellorando o equipamento para uso veciñal, eliminando barreiras arquitectónicas e renovando a instalación eléctrica; ampliar o centro de Sésamo, adecuando un novo espazo para a biblioteca; levar a cabo a segunda fase do centro cívico de Fonteculler, acondicionando o semisótano; e ampliar o centro social de Boedo.
A promoción das sendas verdes é outro dos grandes apartados. O Consello de Participación aposta por construír un paseo e carril bici desde o paseo marítimo do Burgo ata a ponte de Sigrás pasando polo polígono de Alvedro; crear unha senda peonil desde a glorieta de Ledoño ata Celas e Vinseira Pequena pasando pola igrexa de Veiga; e crear outra senda peonil polo río Valiñas desde Alvedro ata a igrexa románica de Culleredo.
A posta en valor o Monte Xalo con sendas, miradoiros e promoción do seu patrimonio etnográfico e natural será outra das accións. Tamén se renovarán as sendas peonís desde Orro, Bregua, e Boedo a Celas para confluír desde aquí coas que levan ao Xalo.
No ámbito de rexeneración urbana, o Consello aproba o cubrimiento da vía do ferrocarril no Burgo, propiciando un paseo peonil e a eliminación desta histórica barreira. Tamén se aposta por pór en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Almeiras, no tramo entre a igrexa e a N550 e no castro de Alvedro.
No tocante ás novas tecnoloxías, decidiuse a dotación de rede WIFI e de equipos informáticos nos centros socioculturais. Este proxecto complementarase coa mellora do sistema informático municipal para promocionar a atención ao cidadán.
Finalmente, tamén se aprobou, no plano ambiental, a descontaminación dos terreos da Cros, á beira da estrutura rehabilitada. E en seguridade viaria, a implantación de camiños seguros aos colexios.
O plan, denominado "Culleredo vivo", terá un investimento de 3.925.068 euros, dos que un 80% proceden da UE e un 20% de fondos municipais. A proposta de actuacións terá que ser validada polo Estado, previo informe da asistencia técnica. A partir de aí poderase elaborar os proxectos, para obter o seu orzamento e así axustar o cadro de actuacións.
O alcalde de Culleredo valora a implicación das asociacións no plan "para garantir que se axuste aos criterios e prioridades dos veciños". Destaca que co desenvolvemento da estratexia lograranse importantes melloras para o municipio.
Serán un total de 4 os obxectivos temáticos:
- Reforzar as aplicacións das TIC para a administración electrónica
- Fomentar as estratexias de redución do carbono, incluíndo o fomento da mobilidade urbana sustentable
- Promover a protección do patrimonio natural e cultural e accións de mellora da contorna urbana
- Apoio á rexeneración física, económica e social das zonas rurais e urbanas