O Conservatorio Municipal de Música de Culleredo cumpre o seu primeiro cuarto de século cunha gran gala de celebración como acto central. Será este venres, 9 de xuño, a partir das 20.00 horas no auditorio do centro.
E para conmemorar a efeméride, o Concello e a dirección do Conservatorio propuxéronse reunir a antigos membros, tanto alumnos como profesores ou compoñentes da ANPA que contribuíron a este aniversario. Por iso, xa levan semanas difundindo a data do acto, de acceso libre, para que a celebración sexa o máis especial posible.
A música será evidentemente a principal protagonista do venres. Será un acto que contará con actuacións de antigos alumnos do Conservatorio que hoxe xa teñen unha carreira profesional ás súas costas.
A concelleira de Educación e Cultura, Carmen Varela, anima a todos os que formaron parte da familia do Conservatorio a asistir ao acto porque "seguro que lembrarán con agarimo a formación e vivencias que alí pasaron".
Na celebración non faltarán os actuais profesores, alumnos ou representantes de familias. O Concello ofrece desde hai 25 anos a través do Conservatorio Municipal de Música unha ampla formación musical. Trátase dun completo programa de ensino regulado que reúne a máis de 200 alumnos nas súas aulas.