Os mozos de Culleredo terán este verán un novo programa destinado a promocionar as súas habilidades artísticas. O Concello estrea iniciativa baseada en técnicas audiovisuais e novos medios.
Son cinco os talleres que se inclúen na programación de "(re) PROGRAMARTE". O primeiro será de fotografía dixital, a partir do 27 de xuño. Os alumnos aprenderán o manexo da cámara para as súas composicións artísticas. O segundo será un obradoiro de stop motion, técnica de gravación con pezas que os propios participantes deseñarán. Comezará o 13 de xullo.
Posteriormente, xa en setembro, chegará o taller de creación audiovisual abarcando todas as fases dun proxecto, desde o 7, e de time-lapse, desde o 8, outra técnica audiovisual. E finalmente, a partir do 22 de setembro, desenvolverase o obradoiro de light painting, innovadora técnica fotográfica.
O concelleiro de Xuventude, Miguel Suárez, sinala que esta proposta se axusta á "vocación creativa" dos mozos e por iso aproximaralles a métodos modernos do audiovisual.
As actividades terán lugar no Centro Cívico de Fonteculler. Están dirixidas a mozos de 14 a 30 anos de idade. Cada taller ten un máximo de 20 prazas.
As inscricións pódense realizar no centro municipal Pablo Picasso, en horario de 9.00 a 15.00 horas, a través do mail
cipax@culleredo.es ou no WhatsAPP 620 008 450.