O Concello de Culleredo aproveitará o verán para ofrecer clases públicas de reforzo escolar aos alumnos que o necesiten. É unha iniciativa enmarcada no plan do Concello contra o fracaso escolar, que ten como finalidade axudar aos estudantes con maiores dificultades a sacar adiante o curso.
Nestas Aulas de reforzo educativo trabállase o apoio educativo nas diferentes materias, a resolución de dúbidas, a preparación de probas e traballos académicos, e a impartición de actividades específicas de motivación ao estudo encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado.
O Concello lanza este programa para un rango amplo de cursos: de 3º a 6º de Primaria, de 1º a 4º de ESO, e 1º e 2º de FPB. Os grupos serán loxicamente separados.
O prazo de inscrición comeza o 22 de xuño e as clases iniciaranse o 3 de xullo. Haberá diversos grupos e horarios no Edificio de Servizos Múltiples, Vila Melania, e o centro cívico de Fonteculler. Ademais, en primaria haberá tamén unha aula no centro social de Ledoño, para dar servizo tamén ao rural.
A concelleira de Educación e Cutura, Carmen Varela, apunta que este programa de reforzo e apoio educativo ten co propósito de frear o fracaso e o abandono escolar. "Queremos pór os medios para que o alumnado teña no verán uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos seus estudos", apunta.
Pódese obter máis información no Departamento Municipal de Educación sito en Vila Melania en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Ou por teléfono no 981 66 12 08. E por mail en educacion@culleredo.org.