O Concello de Culleredo acaba de comezar unha das súas principais actuacións para este verán: a remodelación do polideportivo municipal de Vilaboa, situado no recinto do CEIP Sofía Casanova. A instalación precisa dunha importante modernización xa que se foi deteriorando co paso dos anos e ese é precisamente o obxectivo do proxecto.
A actuación municipal englobará aos principais espazos do polideportivo. O firme será substituído ao completo, pasando a un chan tipo Mondoflex II, material formado a base de caucho vulcanizado e poliuretano. Con el melloraranse de forma sobresaliente as condicións para a práctica deportiva.
A cuberta centrará boa parte dos traballos, para eliminar os problemas de filtracións. Cambiaranse as chapas, arranxaranse as baixantes e tubaxes da cuberta.
As prestacións para os usuarios mellorarán cunha reforma dos vestiarios, que serán accesibles. Tamén montarase unha cuberta no exterior para evitar que os alumnos do CEIP móllense para entrar na pista.
E mellorarase o almacén e o ximnasio. Finalmente, a conserxería será nova e irá sobre a bancada a base de biombos acristalados.
O Concello destina ás obras un montante de 80.933,65 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña. O goberno local, decidiu demorar o inicio dos traballos ata agora para aproveitar o verán e non interferir nas actividades municipais, escolares ou de clubs durante o curso.
A esta actuación o Concello engadirá, en materia de infraestruturas deportivas, o arranxo do polideportivo de Tarrío, marcada nos orzamentos municipais deste ano.