Culleredo ten este verán a tres veciños moi especiais. Son Laarusi, Hamza e Hakim, tres nenos saharauís acollidos por tres familias cullerdenses grazas ao programa Vacacións en Paz que desenvolve Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí).
Hoxe os pequenos e as súas familias acolledoras foron recibidas polo alcalde de Culleredo, Julio Sacristán. O rexedor conversou cos rapaces, de 10 anos de idade, moi contentos de ser recibidos no salón de plenos do consistorio. No acto tamén estaba presente a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, así como o delegado de Sogaps, Joaquín Prieto.
O alcalde entregoulles a cada un unha bolsa con varios agasallos. Comprometeuse ademais co delegado en buscar vías de colaboración coa asociación.
A estancia comprende desde inicios de xullo ata os próximos 5 e 6 de setembro, cando regresarán ao Sahara. Máis de 300 saharauís pasaron este ano os seus vacacaciones nunha familia galega.
O rexedor destaca o papel solidario de Sogaps e das familias acolledoras e apuntou que os pequenos terán sempre en Culleredo un fogar.
Doutra banda, este sábado 2 de setembro terá lugar a II Foliada da Torre, en solidariedade co pobo saharauí. Está organizada pola asociación O Cruceiro, coa colaboración do Concello de Culleredo e Sogaps.
Será no parque da Torre de Celas a partir das 19.00 horas. Recollerase material escolar e deportivo para os campamentos saharauís. Haberá unha cea solidaria por 5 euros.