O Concello de Culleredo lanza con novidades a súa programación anual de actividades culturais, deportivas e sociais para o novo curso. O goberno local incrementa a oferta para ampliar as modalidades que demandan os veciños, superando en total as 2.300 prazas.
O prazo para efectuar a preinscrición iníciase este luns, 11 de setembro, e pecharase o día 15. Nos casos de máis solicitudes que prazas se adxudicarán por sorteo para evitar colas. O día 22 publicaranse as listas de admisión e o 26 efectuarase o sorteo público.
Hai cambios este ano no lugar onde se debe efectuar a preinscrición. Poderá realizarse ben no rexistro da Casa do Concello ou ben no rexistro do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. O horario será de 9.00 a 14.00 horas.
O Concello ofrece bonificacións para unha ampla variedade de colectivos. A máis grande será para a denominada tarifa social, que abarca ata a gratuidade en función dos informes técnicos de servizos sociais, tendo en conta as circunstancias persoais e sociofamiliares en concreto.
Hai bonificacións así mesmo para familias numerosas, dun 100% para as de carácter especial e dun 50% para as de carácter xeral. Tamén os veciños en situación de desemprego e os membros da oficina municipal de voluntariado terán un 50% de bonificación. Os mozos, menores de 18, maiores e persoas con discapacidade terán un desconto dun 10%.