O goberno de Culleredo aproveitou os meses de verán para acometer un plan de mellora dos colexios, escolas unitarias e escolas infantís do municipio con obxecto de que as instalacións estean preparadas no inicio do novo curso. Utilizando o período vacacional evitáronse molestias no desenvolvemento da actividade docente que empeza hoxe. O investimento municipal superou os 60.000 euros.
As actuacións de mantemento responden a necesidades detectadas pola comunidade educativa. As obras incluídas no plan comprenden diferentes ámbitos como os patios, sistema eléctrico, a calefacción, ximnasios, polideportivos, portas ou soleiras, entre outros.
Os xogos dos parques infantís foron revisados na súa totalidade. Os arranxos nesta área centráronse principalmente nas escolas unitarias e infantís xa que os CEIP dispoñen de parques de recente renovación por parte do Concello.
Os principais traballos desenvolvéronse na Choeira, onde se arranxou o chan do parque, na Tartaruga substituíuse o xogo de peiraos oxidado e as mesas e bancos deteriorados, e na zona de infantil do CEIP Tarrío colocouse novo céspede artificial e unha rampla de madeira.
No interior das dependencias tamén se levaron a cabo diversas actuacións, como a reposición de papeleiras, de azulexos ou arranxo de persianas. No CEIP Ría do Burgo substituíuse ademais parte do peche da pista deportiva e do patio de primaria.
Así mesmo, realizáronse arranxos nos portais de acceso dos centros, a limpeza de canlóns, e revisións eléctricas. Tamén se prepararon as hortas escolares das unitarias.
O equipo de goberno apunta que se trata de traballos de mantemento en xeral das instalacións, pero moi necesarios para o funcionamento correcto dos centros. Neste sentido, os equipos directivos de todos os colexios manteñen un contacto co Concello para trasladar as diferentes reparacións que necesitan as instalacións. Así, os traballos municipais adáptanse ás peticións e urxencias detectadas.