Xa hai data e cartel do primeiro Memorial "Tino Poza" de Artes Plásticas, evento co que o Concello de Culleredo quere homenaxear ao que foi concelleiro durante 28 anos, sendo un dos principais promotores da actividade cultural no municipio. Será o sábado 7 de outubro no Xardín Botánico do Burgo.
O Concello concibe o memorial como unha xornada dun día, de pintura "in situ". Poderanse realizar en calquera técnica: óleo, acrílico, acuarela, etc. A ría do Burgo, co seu patrimonio natural e monumental, será o tema sobre o que deben versar as obras nesta primeira edición.
O evento comezará ás 9.00 horas, cando se abrirá a inscrición e selado das teas ou outro material que elixa cada artista para a súa obra. A entrega dos traballos deberase realizar entre as 15.00 e as 16.30 horas.
O certame está aberto á participación de calquera persoa, posto que se obxectivo é difundir as artes plásticas entre o conxunto da cidadanía. Establécense tres categorías: adultos, xuvenil e infantil. Para o caso dos adultos estableceranse tres premios de 2.000, 1.500 e 1.000 euros respectivamente, mentres que para as restantes concederase material.
O memorial nace coa finalidade de homenaxear a figura de Poza e promocionar a cultura entre os veciños de todas as idades, meta pola que pelexou sempre o ex concelleiro. A idea do Concello consiste en que o memorial sexa itinerante polas distintas parroquias de Culleredo, para chegar a todos os cidadáns.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, destaca que o traballo de Poza deixou pegada en Culleredo polo que "merece ser lembrado". O rexedor anima aos afeccionados á pintura a participar neste certame con vocación de chegar a todos.
Tino Poza, que faleceu o pasado decembro, foi concelleiro da corporación desde 1983 ata 2011, exercendo sempre cargos dentro do grupo de goberno. Na súa traxectoria política destacou a súa vinculación á cultura.
A prolífica programación cultural permanente que hoxe en día vive Culleredo foi promovida por Celestino Poza, levando o teatro, as exposicións, a música e todo tipo de manifestacións artísticas ao municipio. Como pintor desenvolveu unha intensa actividade, con numerosas exposicións nos últimos anos, algunha tamén nas salas do Concello de Culleredo.