Durante todo o verán o Concello de Culleredo propuxo aos seus veciños a práctica de ximnasia ao aire libre. O programa 'Verán Movidiño' desprazouse por diferentes lugares do municipio nos que se celebraron sesións ao aire libre abertas a todo o público sen que fose precisa a inscrición previa. A última das convocatorias foi onte (luns) no paseo marítimo do Burgo onde se congregaron medio centenar de deportistas.
Un petisco saudable, coa froita como protagonista, foi o punto e final a un verán activo no que os cullerdenses puideron poñerse en forma e gozar ao mesmo tempo do aire libre. As actividades foron variadas: ximnasia, sendeirismo, paseos, e uso de aparellos dos parques biosaludables cos que conta Culleredo.
Os enclaves nos que se citaron os participantes de 'Verán Movidiño' foron: o centro social de Sueiro, O Noso Lar de Tarrío, o parque de Celas de Peiro, o centro cívico de Fonteculler e o Paseo Marítimo do Burgo que precisamente acolleu esta sesión final á que, como foi habitual ao longo de todo este período estival, os viandantes fóronse sumando ao grupo de deportistas contaxiándose das súas ganas de manterse activos. De feito, calquera podía unirse ás actividades de 'Verán Movidiño' ao non precisarse inscrición, nin pago de cotas, nin ter límites de idade. A idea era incentivar aos veciños de todas as idades a levar un verán activo e adquirir hábitos saudables.