As obras de creación do carril bici metropolitano acaban de chegar ao paseo marítimo do Burgo. Tras comezar na avenida de Ribados, o Concello prosegue os traballos xunto á ponte romana para crear un novo tramo que una o xa existente coa senda fluvial do río Mero en Cambre.
As máquinas están a traballar neste tramo, denominado paseo de Os Templarios, creando o carril en paralelo á ría. Xéranse aquí 1,4 km de carril bici, que pasará por baixo da AP-9 ata chegar ao municipio lindeiro. Os operarios traballan agora na preparación da plataforma. Daquela este tramo pavimentarase e terá bordos de formigón.
Outro dos puntos de Culleredo onde xa se iniciaron os traballos é na conexión do carril do paseo Tierno Galván co do paseo do río Trabe, na zona do campo de fútbol do Burgo. Para iso ampliarase a plataforma na avenida de Ribados, levará o carril por baixo da autoestrada na avenida de Rutis e enlazarase co paseo do Trabe por detrás das obras de construción do novo CEIP. Desta forma evítase o ter que utilizar o paso estreito xunto ao CEIP Isaac Díaz Pardo, polo que a seguridade viaria verase notablemente incrementada.
Finalmente, empregaranse as pontes peonís para conectar a senda do paseo marítimo do Burgo coa do paseo Tierno Galván. As pontes irán debidamente sinalizadas para informar desta convivencia.
No conxunto do carril bici colocarase sinalización horizontal e vertical adecuada para a súa identificación e garantir a continuidade.
O obxectivo do proxecto é remozar a rede actual de sendas ciclistas do municipio e interconectalas tanto entre si como coa xa existente en Cambre, dando continuidade ao carril a nivel da comarca. En canto á conexión coa Coruña, o carril bici no paseo marítimo xa está preparado para ser enlazado de forma automática.
A actuación supoñerá así mesmo un incremento do espazo para bicicletas de 2,4 km, alcanzando un total de 8,3 km entre Fonteculler, Vilaboa e O Burgo. As obras do carril bici metropolitano, na súa fase de Culleredo, supoñen un investimento de 204.492 euros, tras a adxudicación da actuación, financiada pola Deputación da Coruña.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, explica que a prolongación do carril bici de Culleredo cara A Coruña e Cambre é un proxecto "moi esperado" polos centos de usuarios diarios que ten o paseo marítimo do Burgo. "En Culleredo xa se poden gozar de moitos quilómetros de carril bici pero con este proxecto supramunicipal darase un paso máis ao propiciar a mobilidade con outros municipios", sinala.
Rioboo destaca a implicación das administración para a "imprescindible continuidade do carril de Culleredo na área metropolitana".