Os veciños de O Portádego e os usuarios do novo centro de saúde dispoñen desde esta semana dun novo aparcadoiro para vehículos. O Concello de Culleredo acaba de abrir o espazo tras a execución das obras, emprendidas ao non incluír estacionamentos o proxecto levado a cabo pola Xunta.
O Concello destinou 107.000,88 euros á actuación. Foi programada para dar servizo tanto á instalación sanitaria como aos veciños da zona, que viron incrementada a carga de tráfico.
O espazo consiste nun aparcadoiro en superficie, cunhas 70 prazas de estacionamento. Delas, tres están reservadas para urxencias, pegadas ao centro de saúde, e dúas para persoas con mobilidade reducida. Tamén hai espazo de aparcadoiro para motos e para bicicletas.
O deseño do aparcadoiro pretende a súa integración coa contorna, e a súa superficie é de céspede armado. Conta con beirarrúa para garantir a mobilidade e plantáronse árbores de folla perenne para crear zonas con sombra.
O parking situouse no antigo campo de fútbol 7 que estaba pegado ao centro de saúde, practicamente en desuso ao non ser empregado por ningún club deportivo. Con todo, o Concello creará un novo parque multideporte próximo, na contorna da lagoa de Fonteculler.
O investimento procede do superávit logrado polo Concello, que se puido dedicar a investimentos financeiramente sustentables como esta.