O Concello de Culleredo celebrou onte un pleno extraordinario no que se elixiu alcalde a José Ramón Rioboo Castro, candidato do PSdeG-PSOE tras a recente renuncia de Julio Sacristán. Previamente, levouse a cabo a toma de posesión de Penélope López como concelleira polo Grupo Socialista, outra das consecuencias da marcha de Sacristán.
Constituída a pertinente mesa de idade, procedeuse á presentación de candidaturas. José Ramón Rioboo sumou os nove votos do PSdeG-PSOE. Alicia Ferreiro, de Alternativa dos Veciños, concorreu obtendo o apoio dos tres concelleiros do seu grupo. O resto da corporación abstívose, proclamándose así o socialista novo alcalde do Concello de Culleredo.
O salón de plenos rexistrou un cheo congregándose numeroso público entre o que estaba o alcalde saínte, Julio Sacristán.
No seu discurso, Rioboo tivo palabras de agradecemento para o seu predecesor, ao que definiu como "un traballador incansable artífice dos principais avances sociais do municipio". Tamén amosou o seu "orgullo e sentimento de compromiso" por ser alcalde do seu pobo e afirmou que pensa en Culleredo "as 24 horas do día".
Ao final do acto e aínda co bastón de mando na man, o novo rexedor municipal recibiu as felicitacións de concelleiras e veciños.