Segundo especificou a Xunta, as solicitudes para o novo colexio recóllense no Sofía Casanova cos prazos establecidos con carácter xeral, do 1 ao 20 de marzo, tanto para infantil como para primaria. Desta maneira constátase o cumprimento da esixencia de Concello e as ANPA de abrir o centro para todos os cursos e non só para unha aula de 3 anos de infantil como inicialmente pretendía a Consellería.
Iso si, a Xunta condiciona a matrícula "a un número suficiente de alumnos". Polo tanto, o Concello insta as familias interesadas en acudir ao novo CEIP a que as marquen como primeira opción nas solicitudes.
O vindeiro xoves, 1 de marzo, terá lugar en Santiago a reunión demandada polo Concello co secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén. Ata alí desprazaranse o alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Educación e Cultura, Carmen Varela.
Os dirixentes municipais defenderán a necesidade de que o comedor do novo colexio sexa xestionado directamente pola Xunta e non a ANPA. O Concello considera que o apropiado é que a Xunta asuma a competencia do comedor, como ocorre no resto de CEIP de Culleredo, e que non se exima desa función derivándoa aos pais.
O goberno local alerta das dificultades que implicaría a posta en marcha do servizo para setembro ao non existir aínda a ANPA, dado que o centro é de nova apertura. "Cremos que hai atender as peticións dos pais e darlles as maiores facilidades", sostén o rexedor.
Esta petición foi secundada o pasado pleno por todos os edís da corporación cullerdense. Por iso o goberno local reclamará á Xunta que atenda esta proposta unánime.