O Concello de Culleredo lanza unha nova edición dos seus campamentos urbanos de primavera, unha alternativa de lecer educativo para os días non lectivos da próxima Semana Santa.
Celebraranse no Burgo, no CEIP Isaac Díaz Pardo. Terán lugar desde o 26 de marzo ao 2 de abril, excepto os días festivos e o sábado. Diríxense a nenos de 3 a 12 anos de idade, tendo preferencia os empadroados no municipio de Culleredo.
As actividades desenvolveranse en horario de 9.00 a 14.00 horas, salvo o luns 2 que se prolongará ata as 18.00 horas ao tratarse dunha excursión. Haberá posibilidade de servizo de comida e almorzo.
O programa de actividades estará guiado nesta ocasión pola temática do mar, incluíndo talleres de cociña para descubrir as bondades dos seus produtos. Haberá tamén xogos, obradoiros e saídas ao exterior.
O prazo de inscrición será desde este luns 12 ao 16 de marzo no Edificio de Servizos Múltiples. Para proporcionar a máxima información ás familias participantes, haberá unha reunión informativa o 20 de marzo ás 20.00 horas en Servizos Múltiples. Tamén se habilitará un blogue durante a actividade onde se colgará a programación diaria.
Consulta toda a información e o modelo de inscrición no pdf anexo.