O Concello de Culleredo programa unha actuación de mellora integral no centro de Fonteculler. Abarcará á rúa das Brañas e a parte de Jorge Guillén, dúas vías neurálxicas na parte tradicional do núcleo.
O goberno local aposta por un proxecto de mellora urbana que actúe tanto a nivel de seguridade, como da imaxe e prestacións das vías. O incremento da seguridade dos peóns será un dos eixos do proxecto mediante diferentes propostas. A día de hoxe, As Brañas conta con tramos sen beirarrúas ou onde é difícil a accesibilidade.
O proxecto do Concello consistirá na creación de novas beirarrúas en zonas onde actualmente os peóns transitan pola calzada. Ampliaranse as beirarrúas existentes en diferentes puntos e realizaranse pasos de peóns sobreelevados, con sinalización LED.
Tamén se substituirá o pavimento das beirarrúas, cambiando a baldosa actual por outra de formigón, en tons grises e negros, que melloren a integración estética da contorna. Así mesmo, renovarase o mobiliario urbano coa instalación de novas papeleiras, varandas, gardacontedores ou xardineiras.
A nivel de servizos renovarase a iluminación instalando farois con luminarias tipo LED, eficientes e con maior luminosidade. Ademais, rehabilitaranse as zonas axardinadas, contribuíndo á mellora da imaxe da zona.
Na actuación manteranse as prazas de aparcadoiro existentes, dada a súa necesidade para os residentes. Instalaranse topes de formigón nos aparcadoiros para evitar que os coches invadan as beirarrúas, labor que tamén se realizará mediante bolardos e xardineiras, medida que profundará nesa protección do peón.
Outra tarefa consistirá na mellora da recollida de augas pluviais coa instalación dunha reixa de fundición dúctil. O obxectivo será evitar que a escorrentía superficial discorra cara aos garaxes comunitarios.
Finalmente, rehabilitarase todo o firme na actuación cun fresado e reposición de 5 centímetros de mestura bituminosa, e sanearanse as zonas que teñen fochancas e afundimentos.