O Concello de Culleredo atopou a vía legal para ofrecer aos cidadáns a realización de xestións e trámites en Vilaboa. Tratarase dunha Oficina de Asistencia ao Cidadán, que se situará en Vila Melania.
O pasado marzo foi necesario regularizar o servizo de padrón que estaba a funcionar en Vila Melania, onde se podían realizar certos procedementos. Os técnicos determinaron que, a nivel legal de protección de datos, non se podía ofrecer o padrón sen existir alí rexistro e por iso se detivo esta posibilidade. O Concello de Culleredo emprendeu un estudo sobre as súas opcións para incrementar a atención xeral presencial aos veciños de Vilaboa, dado o elevado número de residentes que ten.
O alcalde, José Ramón Rioboo, mantivo unha reunión con veciños de Vilaboa para tratar diferentes asuntos de interese para o núcleo. Entre eles, un grupo de residentes trasladoulle a petición de recuperar o servizo de padrón.
O Concello dará un paso máis. Vilaboa terá unha Oficina de Asistencia ao Cidadán amparándose na Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Non só permitirá recuperar procedementos do padrón, senón tamén funcionará como rexistro para todos os asuntos dirixidos ao Concello de Culleredo.
Esta opción que contempla a lei baséase no rexistro electrónico. Alí os cidadáns dispoñerán de computadores para realizar os seus trámites, coa presenza dun funcionario habilitado. Se o veciño dispón de firma dixital ou DNI electrónico, xa poderá realizar o trámite de forma directa, coa asistencia do funcionario se o require. Se o veciño non conta con esta posibilidade, poderá consentir ao funcionario habilitado para que presente o trámite con toda validez.
Poderanse realizar todos os procedementos dirixidos ao Concello, descargarse volantes de empadroamento, ou solicitar certificados de empadroamento que poderán ser alí recolleitos.
O goberno local calcula que se poderá empezar este servizo en Vila Melania o próximo mes de maio. Terá un horario de 9.00 a 14.00 horas e abrirá todo o ano excepto períodos vacacionais.