Este domingo, 20 de maio, As Mariñas coruñesas converteranse na capital do ciclismo galego coa celebración do Campionato Galego de Fondo na estrada Elite sub-23, I Gran Premio Consorcio As Mariñas, organizado polo Club Ciclista Cambre Caeiro e que terá saída e chegada no Concello de Culleredo.
Participarán na proba máis de 100 corredores de equipos de Galicia, Asturias, León e Portugal. A saída será desde a avenida Xoan Carlos I e despois percorrerá 118 quilómetros polos oito municipios pertencentes ao Consorcio, sendo a do Monte Xalo a subida máis destacada. Haberá un dispositivo de seguridade formado por máis de 100 voluntarios e ademais o operativo terá 15 motos da Garda Civil de Tráfico e outras 14 da organización.
O I Gran Premio Consorcio As Mariñas será o pistoletazo de saída para unha campaña de compostaxe doméstica promovida polo ente supramunicipal. Para difundir esta campaña, o slogan será # pedaleoareciclar e no recinto multiusos da ría do Burgo, no que estará prohibido o aparcamento, dispoñerase unha carpa como punto informativo para os veciños. Haberá contedores para o depósito de oito tipos de residuos e repartiranse camisetas e bolsas da campaña. Haberá tamén un ecophotocall e talleres sobre compostaxe. Ademais, para amenizar a mañá o Concello de Culleredo organizará unha sesión de zumba que terá lugar de 12 a 13 horas.
O presidente da Federación Galega de Ciclismo mostrouse encantado por conxugar o transporte sustentable en bicicleta coa promoción da reciclaxe. Tamén destacou a dinamización da contorna que logra o ciclismo e a riqueza paisaxística que se poderá ver no percorrido. A proba está financiada ao completo por Ferrovial, concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos do Consorcio.