A Concellería de Xuventude do Concello de Culleredo, de acordo cos usuarios, deseñou unha oferta de campamentos de verán baseada nos deportes náuticos e de aventura, para os que se abre a inscrición a partir de mañá, martes 29 de maio.
Son dous campamentos os que oferta o Concello. O primeiro, destinado para mozos de 12 a 14 anos de idade, estará centrado na multiaventura. Participarán en modalidades como rugbytag, sofbol, ultimate, lacrosse, speedball, mazaball, tiro con arco, kaiak ou orientación, incluíndo tamén unha excursión ao Aquapark.
O segundo comprenderá as idades de 14 a 17 anos (para participar hai que ter cumpridos os 14 anos antes do 2 de xullo) e será un campamento náutico. As actividades incluirán surf, canoa, padelsurf, xincanas e unha noite de acampada no albergue de Gandarío. Tamén visitarán o Aquapark.
Ambos terán lugar no polideportivo do CEIP Ría do Burgo do 2 ao 13 de xullo, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A inscrición nos campamentos comprenderá do 29 de maio ao 8 de xuño. Será necesario entregar a instancia no rexistro municipal. Cubriranse as 60 prazas por orde de inscrición.